Pesquisar neste blogue

Mostrar mensagens com a etiqueta IES Monte das Moas. Mostrar todas as mensagens
Mostrar mensagens com a etiqueta IES Monte das Moas. Mostrar todas as mensagens

segunda-feira, 26 de maio de 2025

Foliada no instituto

Hoxe 26 de maio festexamos as Letras Galegas cunha foliada. Canto nos prestou!!! Grazas Nati, Alberte, Xoel e Alberto por nos virdes acompañar. Viva o canto e o baile tradicional!!!!!

 

Visitamos a biblioteca do Castrillón

O pasado día 13 o Club de lectrua de PDC e o alumnado de Oratoria  tivemos un encontro na biblioteca do Castrillón con Paula Carballeira, un grupo de usuarias do Centro de  Día, o club de lectura Obxectivo Bibliotk e un grupo de alumnas do IES de Monelos.

Foi un encontro fantástico pois puidemos falar das lecturas realizadas, Trece avisos e As alumnas. Ademais co alumnado de Oratoria preparamos uns textos moi divertidos da súa obra de teatro Alicia & Alicia. As alumnas de Monelos cantaron uns cantigas tradicionais e rematamos cantando todas o Pasodobre de Laxoso. 

Deixo aquí un pequeno resumo do ben que o pasamos. Viva a literatura!!!!! Viva a oralidade!!!!








 

quarta-feira, 7 de maio de 2025

Muay Thai, Alicia Chamorro García

Somos Nicoll e Martín e imos entrevistar a Alicia, a nosa campioa do mundo:

1.- Cóntanos quen es ti?

Eu son Alicia Chamorro, unha rapazada de 16 anos da Coruña, que estuda primeiro de bacharelato no IES Monte das Moas.

2.- En que consiste o teu deporte? 

Adestro Muay Thai,. un deporte de contacto tailandés, boxeo tailandés, que consiste no combate de dous puxilistas nun ring. O que máis identifica este deporte é a diversidade de golpes que podes empregar para gañar: cóbados, xeonllos, patadas e puños, adeamis dun ritual chamado “As 4 esquinas” e outro chamado “Wai Kru” que é unha mostra de respecto ante o contrincante e o teu adestrador ou a túa adestradora.

3,- Pertences a algún club?

Formo parte do Club Iago Barros Fight Club, da Federación Galega de Kick boxing e Muay Thai e de dúas seleccións de diferentes ligas españolas de Muay Thai (WBC e ISKA).

4.- Cando comezaches a practicar o muay thai? Onde adestras?

Hai uns anos cambioume a vida por completo cando os meus pais decidiron apuntarme a un deporte de contacto para “aprender a defenderme”. Levo desde os 10 anos practicando este deporte, aínda que cando comecei a adestrar seriamente foi hai tres anos.

Adestro no Club Iago Barros.

5.- Como te preparas para a competición? 

Con moito esforzo. Dous adestramentos ao día, dietas e pouca vida social, que pode que sexa o máis complicado na miña idade.

6.- Como foi o proceso para ser campioa do mundo?

Catro veces campioa Mundial, foi todo un soño. Eu algo tiña claro, ía ser a mellor na miña categoría, e sabía que iso tiña moito traballo e esforzo detrás. Foi duro, tiven que compaxinar os estudos cos adestramentos, e ás veces o cansazo podía comigo, pero ao final todos os sacrificios teñen a súa recompensa. Pasei rondas e planteime na final contra Holanda, onde volvín saír vitoriosa pola vía do KO no segundo asalto. Sentíame nun soño, bicampioa mundial en dous meses e en dúas categorías diferentes. Aí, é onde me dei conta de que todos os adestramentos e sacrificios de tantos meses tiveran a súa recompensa. 

Foron meses moi difíciles, pero en xullo de 2024 volvín proclamarme campioa do Mundo ISKA. Despois de pasar todo o verán adestrando, en vez de ir á praia a diario e pasalo ben como a rapazada da miña idade, eu só ía ocasionalmente, xa que tiña un obxectvo en mente e non ía deixalo escapar. Subín de categoría a menos de 18 anos, onde era a máis pequena e volvín a proclamarme campioa Mundial WBC contra a campioa francesa número dous do ránking mundial nesa categoría. Acórdome perfectamente dos nervios, da presión e da responsabilidade que tiña encima, ía loitar contra unha top do ránking mundial, podía saír perdedora, pero acabei o combate como a gañadora.

7.- Por que escolliches o muay thai?

Do que máis me namorei deste deporte é do respecto e unión que hai nel. Ademais da disciplina e do sacrificio que tes que ter para poder conseguir logros.

8.- Como vas equipada para competir? Levas protección?

Levariamos luvas máis grandes, tibiais, cobadeiras, casco, protección bucal e íntima. Se es menor de 16 anos levarías tamén un peto. Na miña carreira deportiva sitúome en afeccionada, en menos de 18 anos e na categoría 48,9 quilogramos. Pola contra, fóra de España debutei en profesional, concretamente en Tailandia.

 9.- Cambiouche a vida o muay thai? Por que?

Desde que practico Muay Thai conseguín todos os meus logros, a miña vida cambioume por completo, teño que adestrar todos os días da semana e levar unha dieta equilibrada. Ademais, este deporte ensinoume o que verdadeiramente é ter unha segunda familia onde podes recorrer se necesitas axuda ou consellos e onde te sentes cómoda e querida.

10.- Que consellos lle darías a alguén que quere comezar neste deporte?

A calquera persoa que quere comezar a adestrar este deporte animaríaa, xa que aínda que parece agresivo a simple vista, é todo o contrario, ensínache compañeirismo, disciplina e respecto.

11.- Que beneficios ten?

Tamén é unha maneira de manter un estilo de vida saudable e activo. Son moitas as persoas que comezan neste deporte por iso, aínda que moitas outras, sobre todo rapazas, comezan a practicar este deporte como defensa persoal.

11.- Moitas grazas, Alicia, por atendernos e responder as nosas preguntas. Sorte e sigue colleitando triunfos.

Grazas a vós polo interese amosado. Vémonos!

 


 

terça-feira, 6 de maio de 2025

Atletismo, Icía Ares Betanzos (marchadora)

B
o día, somos Naiara e Nadir e imos entrevistar a Icía, unha atleta con moita "marcha".

1.- Cóntanos quen es ti?
Eu son Icía Ares Betanzos, teño dezasete anos, estudo primeiro de bacharelato neste instituto e levo facendo deporte toda a miña vida.
2.- En que consiste o teu deporte? Pertences a algún club?
O meu deporte é o atletismo, un deporte individual onde compites en diferentes disciplinas como velocidade, resistencia, saltos, etc. En concreto a miña especializade é a marcha.
Eu pertenzo ao club Ourense Atletismo, o cal me fichou hai dúas tempadas.
3.- Cando comezaches a practicar o atletismo? Onde adestras?
Comecei a practicar o atletismo cando tiña 7 anos, aínda que xa dende máis pequena competía nas carreiras populares da cidade. Decidinme a practicar seriamente a marcha hai apenas dous ou tres anos, xa que antes practicaba outras disciplinas.
Adestro en Ordes e en Bertamiráns, xa que é alí é onde se atopan a miña adestradora e os meus compañeiros.
4.- Por que escolliches a marcha? Que diferenza hai entre marchar e correr?
Decidinme pola marcha xa que, despois de probar case todas as disciplinas, era a que mellor se me daba e na que nun futuro podería destacar moito máis. A marcha e correr non teñen nada que ver, á parte da velocidade e da forma de facela, o máis importante da marcha é a técnica, xa que se se realiza incorrectamente podes ser descualificada da competición. Na marcha por cada zancada, a perna debe atoparse completamente estirada o co pé entrando de calcaño; o pé de atrás non pode estar levantado antes de dar a seguinte zancada.
5.- Practicas algún outro deporte?
Si, tamén practico baloncesto dende hai 13 anos.
6.- Como te preparas para a competición? Segues algunha rutina...
Antes dunha competición importante sempre tento estar moi concentrada, quentar e mobilizarme ben para prever molestias ou lesións; aínda así eu teño máis que rutina, manías, como ter un calcetín de distinta cor, cear a noite de antes ou almorzar o día da competición comidas específicas, ter un dorsal de número impar... Todo isto dáme sorte.
7.- Que obxectivos tes para o futuro?
A curto prazo, nesta tempada busco lograr podio no campionato de España de aire libre en Castellón e tamén acadar a clasificación para ir ao campionato iberoamericano con selección española que se celebrará en Paraguay.
8.- Que consellos lle darías a alguén que quere comezar no atletismo? Recoméndalo?
Que goce moito, que faga moitos amigos nos adestramentos e nas competicións e que probe todas as disciplinas. É un deporte para divertirse e a pesar de ser individual séntese coma un deporte de equipo grazas a todas as amizades que fas. Recoméndoo moito.
9.- Que beneficios ten facer marcha?

Coma todos os deportes, ten beneficio físico para a nosa saúde. Ademais fomenta a resistencia tanto física como mental, xa que o atletismo é un deporte onde a cabeza e o máis importante.
10.- Grazas, Icía, por nos atender e responder as preguntas.
Moitas grazas a vós e espero que as miñas respostas axuden a que se interesen polo atletismo.

segunda-feira, 5 de maio de 2025

Dragon Boat, Noa Varela Guzmán

Somos Leo e Brithany e imos entrevistar a Noa Varela Guzmán que practica Dragon Boat.

1.- Cóntanos quen es ti.

Eu son Noa, teño 16 anos, estudo primeiro de bacharelato de ciencias e practico Dragon Boat como temoneira e monitora auxiliar.

2.- En que consiste o Dragon Boat?

O Dragon Boat é unha modalidade de piragüismo de orixe chinesa, trátase dunha modalidade de padeo unilateral, é dicir, só podes padexar por unha banda e outra compañeira encárgase do lado non ocupado. Os barcos poden ser ou de 12 ou de 22 persoas e están decorados cunha cabeza e cola de dragón; tamén conteñen: asentos para as padeeiras, un asento para a tambor, un tambor e un temón. As embarcacións están compostas por 10 ou 20 padeeiras (dependendo do barco ); unha tambor que se ocupa de marcar o ritmo; e unha temoneira que se encarga da dirección que toma o barco.

3.- Como xorde a idea de practicalo aquí na Coruña?

Neste caso o equipo do que formo parte é un grupo BCS, que son as siglas en inglés de Sobreviventes de Cancro de Mama. Hai un doutor aquí que tras varias viaxes soubo deste deporte e dos seus beneficios para as secuelas desta enfermidade, entón decidiu falar con outra doutora e conseguiron un barco e tiveron a idea de crear esta asociación cultural e deportiva sen ánimo de lucro para axudar a mellorar a calidade de vida de varias mulleres.

4.- Quen o pode practicar e onde?

Como xa dixen anteriormente o meu equipo é específico para BCS e nós adestramos na Mariña da Coruña, que está situada á beira da torre de control marítimo.

5.- Como empezaches ti a practicalo?

Eu empecei co fin de axudalas, explícome, este deporte é beneficioso para elas só no posto de padeeiras,como tambores ou temoneiras non gañan nada e por tanto decidiron buscar outra xente que poñer neses postos. Estes dous postos é mellor que sexan desempeñados por nenas debido a que pesan menos e son o que dicimos peso morto; as padeeiras padexan o seu propio peso, o do barco e o do tambor e temoneira, se estes dous son adultos é máis probable que pesen máis e sexa máis peso para mover. Entón pensaron en meter as fillas das distintas padeeiras. A miña nai explicoume a situación e díxome se me animaba e despois dunha pequena charla convenceume, empecei como tambor e co tempo fóronse unindo máis nenas e eu pasei a ser temoneira e auxiliar de monitora. Actualmente somos 6 nenas e 1 neno. 3 tambores: Aldara,Sabela e Sofía; 1 mozo que está adestrando para ser temoneiro: Carlos; 2 temoneiras: Clara e mais eu. Aínda que tamén temos o noso adestrador, Rodrigo, que pode ocupar calquera posto no barco á perfección.

6.- Canto tempo levas e participaches nalgunha competición xa?

A verdade non me acordo exactamente cando empecei pero levo máis ou menos 1 ano. E si, xa participamos en varias competicións, tanto a nivel galego como español, temos 1 ouro e 1 prata galegas e 1 prata española. Isto desde que eu estou no equipo pero teñen 1 bronce galego anterior á miña chegada. Temos algunha medalla máis pero son ou de festivais ou de copas e estes son considerados " non tan importantes", isto debido a que non contan para as subvencións, bolsas,etc.

7.- En que pensaches na túa primeira competición, como te  sentiches?

A miña primeira competición foi unha Copa e daquela eu era tambor. Sendo honesta estaba un tanto nerviosa, non levaba moito no equipo e tiña medo de non ser capaz de marcar o ritmo correctamente e estragar a competición. Aínda que á vez sabía que se iso pasaba elas, non ían culparme no máis mínimo. Ao final pasámolo ben pero hai que admitir que foi un pouco desastre, o tambor non soaba apenas debido a que se mollou e nunha das regatas saímonos da nosa estaxe (nas regatas hai varias "estaxes" que son unha zona marcada con boias da cal non se pode saír, se non o barco queda descualificado). A pesar deses inconvenientes pasámolo xenial e é un recordo que sempre terei na miña mente, aínda me acordo que era uns 200 metros (as competicións poden ser de 200, 500 ou 2.000 metros) ).

8.- Como organizades as viaxes ás competicións?

A organización das viaxes é algo que depende bastante da competición. Se é preto de aquí e é só de pasar un día, adoitamos alugar un bus e ir todas xuntas; en cambio, se a competición é lonxe e son varios días adoitamos usar os coches indo catro en cada un. Por exemplo, nuns días vai ser o campionato español de 2.000 metros en Sevilla e imos ir en coches. Logo en canto á hospedaxe e comida, para as que son só un día ou levamos a nosa propia comida ou reservamos nalgún restaurante próximo, dependendo da situación. Se é de varios días a xunta directiva e algunhas padeeiras que se ofreceron voluntarias buscan onde podemos comer e durmir e encárganse de reservar, tamén reservan o bus para as viaxes curtas.

9.- Que obxectivos tes ti e a asociación para ou futuro?

Ao meu parecer os obxectivos da asociación tanto como os meus son bastante similares. Obviamente o primeiro é a melloría do grupo de padeeiras, todas queremos o ben común e que poidan sacar o mellor deste deporte e equipo tanto física como mentalmente. Logo para as nenas e neno que axudamos pois o bo das medallas gañadas é que nos permiten acceder a bolsas deportivas que poden axudarnos moito e por tanto queremos o mellor. E as nosas incribles padeeiras e adestrador tamén queren gañalas para nós. Tamén buscamos visibilidade para a xente con cancro de mama. Hai moi pouco estudo sobre o tema e moita xente cre que despois de todo o proceso que pasan simplemente non poden cambiar os males que quedan, pero é falso. Esas secuelas poden eliminarse ou reducirse con axuda e con deporte controlado e por iso tentamos carteis e as nosas redes sociais para que a xente se dea conta do que son capaces e que se alguén está a pasar ou pasou un cancro de mama, saiba que ten aquí un grupo que estará moi feliz de recibila. Un obxectivo un tanto máis próximo é a competición que haberá en agosto en China, para esta tes que ser seleccionado individualmente e obviamente gustaríanos poder asistir a algunha de nós, e cantas máis podamos mellor. E, por último, por supostísimo, continuar sempre xuntas apoiándonos.

10.- Recomendas este deporte? E se eu quero comezar, como fago?

Sen ningunha dúbida eu recoméndolle á xente este deporte. Non só é moi bo fisicamente, tamén che permite desconectar un tanto e iso axuda moito, ademais como persoa que adora o mar podo dicir que estar así na auga ás veces cando chove, outras cando vai sol, outras á tardiña... é precioso e sénteste de conto. Honestamente é incrible, hai días que estou amargada e non me apetece ir adestrar pero unha vez estou aí é como desconectar do estrés e entre o deporte e o equipo tan bonito que teño, acabo saíndo cun sorriso. Non é só o deporte é tamén a xente que forma parte deste, e eu estou moi agradecida a todo o meu equipo e a moita outra xente que coñecín grazas a este deporte. É como ter outra familia que te apoia, te quere e demóstracho. Se alguén ten interese en coñecer ao noso equipo, Bolboretas, para formar el, hai varias maneiras. Temos un número de contacto, 643 461 017, un correo, bolboretascoruna@gmail.com; e tamén contamos cunha páxina web, www.bolboretas.es. En caso de non querer formar parte pero si apoiar, tamén temos redes sociais que calquera pode visitar e ver un pouco máis o que facemos e como somos, bolboretas.es.

11.- Moitas grazas, Noa, por atendernos e responder as nosas preguntas. E moita sorte para as Bolboretas, sodes un exempo de vida.

Grazas a vós, Leo e Brithany, pola entrevista. Espero que vos gustase!



domingo, 4 de maio de 2025

Fálame da emigración

Os pasados 4 e 11 de abril tivemos un encontro coa colaboración da Fundación Obra Social Abanca e o Centro de día Frama. Remedios, Francisco e Pancho contáronnos as súas historias da emigración e ao mesmo tempo a rapazada contou as súas historias familiares en torno á emigración. Foi un encontro marabilloso. Grazas!!!!

Aquí tedes un petisco: 

 


Estas foron as dinámicas seguidas: 

Dinámica do 1º encontro:
  • Proxección breve 10" de fragmentos do documental "América o el Shangai", para introducir e entrar en materia.
  • Presentación dos maiores participantes, e exposición das súas historias de vida: Francisco, que emigrou a Noruega e despois a Inglaterra, moi involucrado co Centro Galego de Londres, Remedios, dunha familia de 14 irmáns que emigrou a Venezuela embarcada ela soa con apenas 16 anos, e Pancho que emigrou a Arxentina.
  • Diálogo e debate, incorporando a participación do alumnado, abrindo unha quenda de preguntas.
  • Proposta de traballo escolar ao alumnado para que investiguen acerca da súa propia historia familiar, explorando os seus vencellos coa emigración.

Dinámica do 2º encontro:

O alumnado expón os resultados do seu traballo escolar e as súas historias da emigración. No caso de alumnado migrante, expoñen as súas propias historias de vida, fotografías, documentación, etc... 
Traballo conxunto entre alumnado e persoas maiores por grupos, nos que debaten sobre os seguintes temas e despois facemos unha posta en común
  • Motivacións para emigrar: que motivacións identificaron nos relatos dos maiores e nas historias persoais do alumnado. 
  • Principais dificultades que deben afrontar as persoas que emigran. Beneficios da emigración para as persoas que emigran, aspectos positivos. 
  • Comparar a emigración galega coa inmigración a Galicia ou a outras partes do mundo, especialmente se hai alumnado inmigrante na aula: aspectos comúns e diferenzas. 
  • Causas dos fenómenos migratorios: por que Galicia emigrou con tanta intensidade? Impacto da emigración no país receptor e no país emisor da emigración

 

terça-feira, 18 de fevereiro de 2025

Educación ambiental

 O alumnado de 3º de ESO (PDC) fixo un roteiro polo parque de Eirís para coñecer a flora, a fauna e o contorno en que vive. 

A actividade foi dirixida por Manuel e está dentro do proxecto de educación ambiental que leva o concello da Coruña para educar, sensibilizar e divulgar a toda a veciñanza e especialmente á rapazada. 

Foron dúas horas moi entretidas e produtivas. Sen dúbida, repetiremos! Grazas, Manuel!
















quinta-feira, 28 de novembro de 2024

Tíralle da lingua

 Como sabedes, este curso participamos no concurso do Tíralle da lingua da AS-PG. Tedes uns dotes marabillosos para serdes contadores e contadoras de historias!!! Grazas!!!

Aquí vos deixo as ligazóns para que poidades ver os traballos que presentamos nas dúas categorías:

3º ESO, clicades e buscades nos podcast. Son 5 traballos diferentes.

1º BAC, clicades e buscades nos podcast. Son 5 traballos diferentes.

Moita sorte e moitas grazas!!!!!!!!!!!

sábado, 9 de novembro de 2024

Visita ao xulgado: Educar en Xustiza

O xoves fomos de visita á antiga Audiencia Provincial para visitarmos como é un xuízo. Recibiunos a Maxistrada do xulgado de Instrución nº 6 da Coruña María Jesús García García. Foi unha visita moi produtiva na que a Maxistrada se encargou de nos explicar todo o que ten que ver cun xuízo e de que tipo de xuízos se encarga ela. Asistimos a varios xuízos diferentes. Grazas ao programa Educar en Xustiza sabemos algo máis do seu funcionamento. Repetiremos!











sexta-feira, 18 de outubro de 2024

Oratoria


 O alumnado de Oratoria visitou a biblioteca do barrio para preparar a Liga de Debate da Fundación Barrié. Moitas grazas, Alicia e Isabel. Vimos cheas de ideas, libros, cariños e futuro. Que gustazo compartir tempo con vós!!!







sexta-feira, 11 de outubro de 2024

3º ESO

 Hoxe fomos de visita á biblioteca do barrio, a do Castrillón. Recibíronnos Alicia e María e amosáronnos un lote de libros moi moi recomendables para o noso club de lectura. Este curso o Club de Lectura será de literatura e deporte. Cando miramos o reloxo xa case eran as 14.10, pasou o tempo rapidísimo. Viñemos cheas de cariño, recomendacións e ideas. Volveremos!!!






quinta-feira, 10 de outubro de 2024

sexta-feira, 29 de março de 2024

Cantigas e murais para o coñecemento do Reino Medieval da Galiza

É un pracer presentar o noso vídeo-dosier final do proxecto "Cantigas e Murais para o Coñecemento do Reino Medieval de Galicia".  Neste vídeo, resumimos os emocionantes momentos vividos durante esta marabillosa aventura cultural.

Desde os concertos onde as cantigas medievais resoaron no noso salón de actos ata a creación do mural que adorna o noso espazo, cada paso deste proxecto foi unha celebración da nosa rica historia e cultura galega. 

Queremos agradecer a todo o alumnado e profesorado que participou co seu talento e entusiasmo, facendo deste proxecto unha experiencia inesquecible.

Este proxecto enmarcouse nos Premios Reino de Galicia 2023 da Deputación da Coruña, un recoñecemento á creatividade e á investigación da nosa historia.
Estamos orgullosas e orgullosos de compartir esta viaxe coa comunidade educativa.

Grazas a todas e todos por acompañarnos nesta aventura de coñecemento e creación. Seguiremos a celebrar e a promover a nosa cultura galega con orgullo e entusiasmo.

      



@culturadadeputaciondacoruna #

CertameFondodeproxectosculturaisReinodeGalicia
#deputaciondacoruña
#iesmontedasmoas
#xoan_curiel #raquel_germade #Bleuennlefriec #ReinodeGalicia #ACulturaÉUnDereito #EducaciónTransformadora
#CantigasEMurais
#PremiosReinodeGalicia2023


sexta-feira, 8 de março de 2024

Día Internacional da Muller

Neste curso Bibliotecas Escolares de Galicia escolleu o tema de Unha biblioteca escolar en viñetas para darlle visibilidade á banda deseñada e fomentar o traballo arredor do cómic e do álbum ilustrado.


O EDLG e Bibliomoas decidimos que a nosa habitual homenaxe ás mulleres traballadoras no 8M ía xirar arredor de personaxes femininas da BD ou da ilustración, o que nos serve tamén para conmemorar o Día da Banda Deseñada o 18 de marzo. 

E velaquí tedes o resultado: unha exposición ben comiqueira e que estará exposta estas semanas tamén no vestíbulo de entrada ao instituto para que toda a comunidade educativa poida coñecer varias figuras feministas e empoderadas que transitan e transitaron con forza nas páxinas dos cómic.

Parabéns a todas as mulleres neste noso día!! 

quarta-feira, 21 de junho de 2023

Andaina Barrañán-Sabón

 Grazas por este curso! Aquí vos queda un pequeno recordo da andaina de hoxe!

Lede moito e pasádeo ben!

Bo verán!!!!

quinta-feira, 23 de março de 2023

Trucos para diferencias TE e CHE

Xa sei que o expliquei na clase moitas veces pero aquí vos deixo esta web para que o poidades lembrar sempre que queirades: trucos TE e CHE.

E aquí tamén volo explica Ester do Dígocho eu

 

E aquí tamén volo explica a rapazada do IES Perdouro de Burela: Perdouro.