Pesquisar neste blogue

segunda-feira, 5 de maio de 2025

Dragon Boat, Noa Varela Guzmán

Somos Leo e Brithany e imos entrevistar a Noa Varela Guzmán que practica Dragon Boat.

1.- Cóntanos quen es ti.

Eu son Noa, teño 16 anos, estudo primeiro de bacharelato de ciencias e practico Dragon Boat como temoneira e monitora auxiliar.

2.- En que consiste o Dragon Boat?

O Dragon Boat é unha modalidade de piragüismo de orixe chinesa, trátase dunha modalidade de padeo unilateral, é dicir, só podes padexar por unha banda e outra compañeira encárgase do lado non ocupado. Os barcos poden ser ou de 12 ou de 22 persoas e están decorados cunha cabeza e cola de dragón; tamén conteñen: asentos para as padeeiras, un asento para a tambor, un tambor e un temón. As embarcacións están compostas por 10 ou 20 padeeiras (dependendo do barco ); unha tambor que se ocupa de marcar o ritmo; e unha temoneira que se encarga da dirección que toma o barco.

3.- Como xorde a idea de practicalo aquí na Coruña?

Neste caso o equipo do que formo parte é un grupo BCS, que son as siglas en inglés de Sobreviventes de Cancro de Mama. Hai un doutor aquí que tras varias viaxes soubo deste deporte e dos seus beneficios para as secuelas desta enfermidade, entón decidiu falar con outra doutora e conseguiron un barco e tiveron a idea de crear esta asociación cultural e deportiva sen ánimo de lucro para axudar a mellorar a calidade de vida de varias mulleres.

4.- Quen o pode practicar e onde?

Como xa dixen anteriormente o meu equipo é específico para BCS e nós adestramos na Mariña da Coruña, que está situada á beira da torre de control marítimo.

5.- Como empezaches ti a practicalo?

Eu empecei co fin de axudalas, explícome, este deporte é beneficioso para elas só no posto de padeeiras,como tambores ou temoneiras non gañan nada e por tanto decidiron buscar outra xente que poñer neses postos. Estes dous postos é mellor que sexan desempeñados por nenas debido a que pesan menos e son o que dicimos peso morto; as padeeiras padexan o seu propio peso, o do barco e o do tambor e temoneira, se estes dous son adultos é máis probable que pesen máis e sexa máis peso para mover. Entón pensaron en meter as fillas das distintas padeeiras. A miña nai explicoume a situación e díxome se me animaba e despois dunha pequena charla convenceume, empecei como tambor e co tempo fóronse unindo máis nenas e eu pasei a ser temoneira e auxiliar de monitora. Actualmente somos 6 nenas e 1 neno. 3 tambores: Aldara,Sabela e Sofía; 1 mozo que está adestrando para ser temoneiro: Carlos; 2 temoneiras: Clara e mais eu. Aínda que tamén temos o noso adestrador, Rodrigo, que pode ocupar calquera posto no barco á perfección.

6.- Canto tempo levas e participaches nalgunha competición xa?

A verdade non me acordo exactamente cando empecei pero levo máis ou menos 1 ano. E si, xa participamos en varias competicións, tanto a nivel galego como español, temos 1 ouro e 1 prata galegas e 1 prata española. Isto desde que eu estou no equipo pero teñen 1 bronce galego anterior á miña chegada. Temos algunha medalla máis pero son ou de festivais ou de copas e estes son considerados " non tan importantes", isto debido a que non contan para as subvencións, bolsas,etc.

7.- En que pensaches na túa primeira competición, como te  sentiches?

A miña primeira competición foi unha Copa e daquela eu era tambor. Sendo honesta estaba un tanto nerviosa, non levaba moito no equipo e tiña medo de non ser capaz de marcar o ritmo correctamente e estragar a competición. Aínda que á vez sabía que se iso pasaba elas, non ían culparme no máis mínimo. Ao final pasámolo ben pero hai que admitir que foi un pouco desastre, o tambor non soaba apenas debido a que se mollou e nunha das regatas saímonos da nosa estaxe (nas regatas hai varias "estaxes" que son unha zona marcada con boias da cal non se pode saír, se non o barco queda descualificado). A pesar deses inconvenientes pasámolo xenial e é un recordo que sempre terei na miña mente, aínda me acordo que era uns 200 metros (as competicións poden ser de 200, 500 ou 2.000 metros) ).

8.- Como organizades as viaxes ás competicións?

A organización das viaxes é algo que depende bastante da competición. Se é preto de aquí e é só de pasar un día, adoitamos alugar un bus e ir todas xuntas; en cambio, se a competición é lonxe e son varios días adoitamos usar os coches indo catro en cada un. Por exemplo, nuns días vai ser o campionato español de 2.000 metros en Sevilla e imos ir en coches. Logo en canto á hospedaxe e comida, para as que son só un día ou levamos a nosa propia comida ou reservamos nalgún restaurante próximo, dependendo da situación. Se é de varios días a xunta directiva e algunhas padeeiras que se ofreceron voluntarias buscan onde podemos comer e durmir e encárganse de reservar, tamén reservan o bus para as viaxes curtas.

9.- Que obxectivos tes ti e a asociación para ou futuro?

Ao meu parecer os obxectivos da asociación tanto como os meus son bastante similares. Obviamente o primeiro é a melloría do grupo de padeeiras, todas queremos o ben común e que poidan sacar o mellor deste deporte e equipo tanto física como mentalmente. Logo para as nenas e neno que axudamos pois o bo das medallas gañadas é que nos permiten acceder a bolsas deportivas que poden axudarnos moito e por tanto queremos o mellor. E as nosas incribles padeeiras e adestrador tamén queren gañalas para nós. Tamén buscamos visibilidade para a xente con cancro de mama. Hai moi pouco estudo sobre o tema e moita xente cre que despois de todo o proceso que pasan simplemente non poden cambiar os males que quedan, pero é falso. Esas secuelas poden eliminarse ou reducirse con axuda e con deporte controlado e por iso tentamos carteis e as nosas redes sociais para que a xente se dea conta do que son capaces e que se alguén está a pasar ou pasou un cancro de mama, saiba que ten aquí un grupo que estará moi feliz de recibila. Un obxectivo un tanto máis próximo é a competición que haberá en agosto en China, para esta tes que ser seleccionado individualmente e obviamente gustaríanos poder asistir a algunha de nós, e cantas máis podamos mellor. E, por último, por supostísimo, continuar sempre xuntas apoiándonos.

10.- Recomendas este deporte? E se eu quero comezar, como fago?

Sen ningunha dúbida eu recoméndolle á xente este deporte. Non só é moi bo fisicamente, tamén che permite desconectar un tanto e iso axuda moito, ademais como persoa que adora o mar podo dicir que estar así na auga ás veces cando chove, outras cando vai sol, outras á tardiña... é precioso e sénteste de conto. Honestamente é incrible, hai días que estou amargada e non me apetece ir adestrar pero unha vez estou aí é como desconectar do estrés e entre o deporte e o equipo tan bonito que teño, acabo saíndo cun sorriso. Non é só o deporte é tamén a xente que forma parte deste, e eu estou moi agradecida a todo o meu equipo e a moita outra xente que coñecín grazas a este deporte. É como ter outra familia que te apoia, te quere e demóstracho. Se alguén ten interese en coñecer ao noso equipo, Bolboretas, para formar el, hai varias maneiras. Temos un número de contacto, 643 461 017, un correo, bolboretascoruna@gmail.com; e tamén contamos cunha páxina web, www.bolboretas.es. En caso de non querer formar parte pero si apoiar, tamén temos redes sociais que calquera pode visitar e ver un pouco máis o que facemos e como somos, bolboretas.es.

11.- Moitas grazas, Noa, por atendernos e responder as nosas preguntas. E moita sorte para as Bolboretas, sodes un exempo de vida.

Grazas a vós, Leo e Brithany, pola entrevista. Espero que vos gustase!



Sem comentários:

Enviar um comentário