quarta-feira, 7 de maio de 2025

Muay Thai, Alicia Chamorro García

Somos Nicoll e Martín e imos entrevistar a Alicia, a nosa campioa do mundo:

1.- Cóntanos quen es ti?

Eu son Alicia Chamorro, unha rapazada de 16 anos da Coruña, que estuda primeiro de bacharelato no IES Monte das Moas.

2.- En que consiste o teu deporte? 

Adestro Muay Thai,. un deporte de contacto tailandés, boxeo tailandés, que consiste no combate de dous puxilistas nun ring. O que máis identifica este deporte é a diversidade de golpes que podes empregar para gañar: cóbados, xeonllos, patadas e puños, adeamis dun ritual chamado “As 4 esquinas” e outro chamado “Wai Kru” que é unha mostra de respecto ante o contrincante e o teu adestrador ou a túa adestradora.

3,- Pertences a algún club?

Formo parte do Club Iago Barros Fight Club, da Federación Galega de Kick boxing e Muay Thai e de dúas seleccións de diferentes ligas españolas de Muay Thai (WBC e ISKA).

4.- Cando comezaches a practicar o muay thai? Onde adestras?

Hai uns anos cambioume a vida por completo cando os meus pais decidiron apuntarme a un deporte de contacto para “aprender a defenderme”. Levo desde os 10 anos practicando este deporte, aínda que cando comecei a adestrar seriamente foi hai tres anos.

Adestro no Club Iago Barros.

5.- Como te preparas para a competición? 

Con moito esforzo. Dous adestramentos ao día, dietas e pouca vida social, que pode que sexa o máis complicado na miña idade.

6.- Como foi o proceso para ser campioa do mundo?

Catro veces campioa Mundial, foi todo un soño. Eu algo tiña claro, ía ser a mellor na miña categoría, e sabía que iso tiña moito traballo e esforzo detrás. Foi duro, tiven que compaxinar os estudos cos adestramentos, e ás veces o cansazo podía comigo, pero ao final todos os sacrificios teñen a súa recompensa. Pasei rondas e planteime na final contra Holanda, onde volvín saír vitoriosa pola vía do KO no segundo asalto. Sentíame nun soño, bicampioa mundial en dous meses e en dúas categorías diferentes. Aí, é onde me dei conta de que todos os adestramentos e sacrificios de tantos meses tiveran a súa recompensa. 

Foron meses moi difíciles, pero en xullo de 2024 volvín proclamarme campioa do Mundo ISKA. Despois de pasar todo o verán adestrando, en vez de ir á praia a diario e pasalo ben como a rapazada da miña idade, eu só ía ocasionalmente, xa que tiña un obxectvo en mente e non ía deixalo escapar. Subín de categoría a menos de 18 anos, onde era a máis pequena e volvín a proclamarme campioa Mundial WBC contra a campioa francesa número dous do ránking mundial nesa categoría. Acórdome perfectamente dos nervios, da presión e da responsabilidade que tiña encima, ía loitar contra unha top do ránking mundial, podía saír perdedora, pero acabei o combate como a gañadora.

7.- Por que escolliches o muay thai?

Do que máis me namorei deste deporte é do respecto e unión que hai nel. Ademais da disciplina e do sacrificio que tes que ter para poder conseguir logros.

8.- Como vas equipada para competir? Levas protección?

Levariamos luvas máis grandes, tibiais, cobadeiras, casco, protección bucal e íntima. Se es menor de 16 anos levarías tamén un peto. Na miña carreira deportiva sitúome en afeccionada, en menos de 18 anos e na categoría 48,9 quilogramos. Pola contra, fóra de España debutei en profesional, concretamente en Tailandia.

 9.- Cambiouche a vida o muay thai? Por que?

Desde que practico Muay Thai conseguín todos os meus logros, a miña vida cambioume por completo, teño que adestrar todos os días da semana e levar unha dieta equilibrada. Ademais, este deporte ensinoume o que verdadeiramente é ter unha segunda familia onde podes recorrer se necesitas axuda ou consellos e onde te sentes cómoda e querida.

10.- Que consellos lle darías a alguén que quere comezar neste deporte?

A calquera persoa que quere comezar a adestrar este deporte animaríaa, xa que aínda que parece agresivo a simple vista, é todo o contrario, ensínache compañeirismo, disciplina e respecto.

11.- Que beneficios ten?

Tamén é unha maneira de manter un estilo de vida saudable e activo. Son moitas as persoas que comezan neste deporte por iso, aínda que moitas outras, sobre todo rapazas, comezan a practicar este deporte como defensa persoal.

11.- Moitas grazas, Alicia, por atendernos e responder as nosas preguntas. Sorte e sigue colleitando triunfos.

Grazas a vós polo interese amosado. Vémonos!

 


 

Sem comentários:

Enviar um comentário